Ciclos

Universo Wong Kar-Wai: 7 filmes restaurados

Logo do éxito de Desexando amar na nosa carteleira, estreado cun novo master en 4K polo seu 20 aniversario, chegan a DUPLEX Cinema seis títulos máis do reputado realizador hongkonés. Todos eles restaurados baixo a supervisión do seu director. Poderán verse en pases únicos os mércores ás 20:30 entre o 20 de xaneiro e o 24 de febreiro. As entradas xa están á venda.

Wong Kar-Wai é sen discusión un dos grandes realizadores do cinema contemporáneo. Cun selo inconfundíbel no que se combina un innovador estilo visual cunha utilización de temas musicais que lle ten valido comparacións con Quentin Tarantino, Wong conta cunha das filmografías máis extensas e relevantes na definición da sociedade hongkonesa, no seu tempo presente mais tamén noutros pretéritos.

A efemérides do 20 aniversario da súa obra mestra, Desexando amar (2000), foi o motivo dunha recente restauración da mesma, mais tamén da totalidade da súa obra. Todos estes novos masters en 4K foron supervisados polo autor, quen ademais contou coa valoración de Christopher Doyle e Andrew Lau, os seus dous directores de fotografía de cabeceira.

A distribuidora Avalon adquiriu para España sete destes títulos, que presenta nun ciclo titulado 'Universo Wong Kar-Wai'. Logo da calorosa acollida que recibiu Desexando amar en DUPLEX Cinema, programamos agora os seus títulos restantes, cada mércores desde o 20 de xaneiro ao 24 de febreiro. Son pases únicos ás 20:30 e todas as entradas están xa á venda.

Así, poderemos descubrir os inicios de Wong en As Tears Go By (1988) – 20 de xaneiro –, un filme que inaugura xa algúns dos seus temas, como o amor apaixonado ou o sentimento alienante dunha cidade opresiva. O título, claramente inspirado na canción de 1964 de Marianne Faithful, xa anuncia a melomanía do seu realizador. A fita, comparada con Mean Streets, de Martin Scorsese, cando se presentou na Quincena dos Realizadores de Cannes, utiliza o xénero negro para realizar un retrato profundo e persoal de Hong Kong.

É unha estratexia que seguirá a utilizar noutras como a máis vangardista Fallen Angels (1995) – 10 de febreiro – ou o seu gran primeiro éxito internacional, Chungking Express (1994) – 3 de febreiro –, unha das súas apostas máis caras, pois para ela inspirouse en episodios da súa infancia, cando vivía nun piso de escasos metros cadrados, nos bloques de Chungking Mansions. Filme máis expresivo e xoguetón que os anteriores, Wong concibiuno na extenuante posprodución de Ashes of Time (1994) – un filme de época que non se encontra no ciclo – e o guión e rodaxe leváronlle só seis semanas, chegando a estrearse mesmo antes que o seu monumental filme de espadas e artes marciais.

A elevación ao estado de gurú do posmodernismo, co espírito do primeiro Jean-Luc Godard sobrevoando todas as críticas especializadas, o seu prestixio en festivais e o feito de que Miramax comprase os dereitos de Chungking Express para a súa distribución en Estados Unidos, catapultaron definitivamente a Wong Kar-Wai como un dos autores máis influíntes do cinema contemporáneo a mediados dos anos noventa.

Despois chegaría Desexando amar, todo un acontecemento cinéfilo, e a súa pegada sería xa indelébel. Mais cómpre recordar que no melodrama romántico esta fita non está soa nunha filmografía como a de Wong. Ademais da moi melómana Happy Together (1997) – 17 de febreiro –; Days of Being Wild (1990) – 27 de xaneiro – e 2046 (2004) – 24 de febreiro –, que se atreve coa ciencia-ficción dun xeito moi persoal, compoñen unha triloxía interconectada por diversos elementos que quizais non se aprecien nun primeiro visionado e se un as foi vendo coa distancia, conforme saían.

Este ciclo permite gozar delas para redescubrilas todas xuntas, en impresionantes copias en 4K, ou para se achegar por vez primeira á obra dun dos xenios do cinema do noso tempo.

Entradas xa á venda. Se adquires unha entrada para algún dos pases, cando te achegues polo despacho de billetes darémosche unha tarxeta que iremos selando cada vez que veñas á sesión dun ciclo coas nosas tarifas habituais. O sexto filme corre á nosa conta.