O cinema DUPLEX de Ferrol representará a España no Mes do Cinema Europeo

  • A Academia do Cinema Europeo e Europa Cinemas impulsarán así a exhibición de fitas continentais en 35 países do 13 de novembro ao 10 de decembro.
  • Cada país conta cunha única sala como embaixadora, que propón un programa especial con diversas películas da UE. Podedes ver todas as salas que fan parte da iniciativa aquí, na web da Academia.

DUPLEX Cinema de Ferrol foi seleccionado pola Academia do Cinema Europeo como a única sala para representar a España no Mes do Cinema Europeo. En colaboración coa rede Europa Cinemas, integrada por 3059 pantallas en 739 localidades de 42 países, e da que DUPLEX Cinema forma parte, a iniciativa pretende promocionar o cinema da UE con programas especiais do 13 de novembro ao 10 de decembro. Con 35 estados participantes, cada un terá un único cinema como embaixador das cinematografías continentais. DUPLEX Cinema é este representante en España. Esta data de celebración será presentada durante o Festival de Cine Europeo de Sevilla esta semana.

As festividades arrancan o domingo 13 de novembro co Día do Cinema Europeo, cando La maternal, de Pilar Palomero, será proxectada en premiere de forma simultánea en varios cinemas de toda España. Os cinemas gozarán dunha presentación e posterior debate coa realizadora española retransmitido en directo por streaming, no que los espectadores poderán trasladarlle preguntas. Ao longo do mes, cada cinema anuncia un programa especial, ideado dende as súas prácticas habituais, con presencia destacada de cinema europeo. A iniciativa conclúe o 10 de decembro coa cerimonia dos 35 Premios do Cinema Europeo en Reikiavick, onde se anunciarán as candidatas ao LUX Audience Award.
 

O proxecto de DUPLEX Cinema consolídase

En outubro de 2019, un novo equipo dirixido polo exhibidor e distribuidor Ramiro Ledo Cordeiro reabriu o único cinema que continúa activo en Ferrol tras un breve período de peche. A reforma incluíu sustanciais melloras tecnolóxicas e de comodidade nas súas dúas salas, ademais dun incremento da diversidade da programación cinematográfica, con maior presencia de cinema europeo e en versión orixinal, así como encontros con creadores e múltiples liñas de programación. Nos primeiros meses desta renovada vida a frecuentación veuse practicamente triplicada con respecto ás cifras que o cinema adoitaba ter na súa anterior etapa.

En 2020 Ledo foi recoñecido por Europa Cinemas co premio ao emprendedor europeo do ano, poñendo no mapa da prestixiosa rede a unha cidade como Ferrol, nun contexto no que moitas capitais de provincia quedaron xa sen cinemas de proximidade. A colaboración de DUPLEX Cinema con certames internacionais de prestixio tamén o avala fóra das nosas fronteiras. Se o pasado mes de agosto foi convidado a participar como xurado no festival de Locarno, este año tomou parte no Gran Foro Mundial de Artes, Cultura, Creatividad y Tecnología de Colombia en Medellín e no Festival Lumière de Lión, entre outros. En 2021 o modelo de DUPLEX Cinema foi presentado en foros profesionais organizados nos festivais internacionais de Venecia e Sevilla.

A selección de DUPLEX Cinema como representante español do Mes do Cinema Europeo vén a apuntalar aínda máis a traxectoria notable do cinema. A súa diversa programación trae cada semana ás súas dúas pantallas as mellores estreas do cinema comercial, independente e de autor, privilexiando sempre a versión orixinal, cos luns como momento destinado para os títulos dobrados. Tamén proxectou retrospectivas a cineastas de referencia como Kenji Mizoguchi, Ingmar Bergman ou Agnès Varda; ao tempo que ofrece as mañás dos domingos cinema familiar, intentando ensanchar horizontes para os espectadores máis novos. Xunto ao resto de programación paralela que complementa as estreas semanais, hai uns meses puxo en marcha a iniciativa 'DUPLEX con...', a través da que varios colectivos de Ferrol teñen as portas abertas para programar no cinema, promovendo encontros ao finalizar a proxección.

 

Programación de DUPLEX Cinema durante o Mes do Cinema Europeo

Dende o 14 de novembro ao 10 de decembro, todas os estreas semanais de DUPLEX Cinema estarán dedicados ao cinema europeo, destacando títulos como As bestas (Rodrigo Sorogoyen), La maternal (Pilar Palomero), Abrázame forte (Mathieu Amalric), Close(Lukas Dhont), Suro (Mikel Gurrea), Scarlett (Pietro Marcello), A emperatriz rebelde (Marie Kreuzer) ou Mantícora (Carlos Vermut). O público de Ferrol poderá ademais gozar, gracias á colaboración da Concellaría de Cultura, de dous novos programas da retrospectiva case completa dedicada a Agnès Varda durante todo 2022: Le lion volatil + Ydessa, les ours et etc. (22 de novembro) e Caras e lugares (6 de decembro) e da programación familiar Petís DUPLEX en sesións matinais os domingos: As novas aventuras de Toupiñas e Manchitas (13 de novembro), Franz e o director de orquestra (27 de novembro) e Animaladas de cinema (4 de decembro).

Ademais, o programa OFF DUPLEX, celebrado os mércores alternos ás 20:00 traerá a Ferrol dous títulos que recentemente foron proxectados nos festivais de Cannes (A lenda do rei cangrexo, de Alessio Rigo de Righi e Matteo Zoppis) e Karlovy Vary (Ramona, de Andrea Bagney) e en colaboración cos diferentes departamentos da Escola Oficial de Idiomas, o programa DUPLEX x EOI reporá a película gañadora en Venecia O acontecemento (Audrey Diwan), baseada na obra da última premio Nobel, Annie Ernaux, o luns 14 de novembro.