DUPLEX presenta

Presentación de 'Negro púrpura' o 24 de setembro

As directoras Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva virán debater o seu filme co público en sesión de 20 horas. A fita conta como o LSD, multinacionais farmacéuticas, pragas medievais, medicina popular e a CIA están conectadas por un fungo alucinóxeno coñecido como “ouro negro”, sendo Galicia un dos grandes produtores a nivel mundial. Entradas xa á venda.

Negro Púrpura retrata un dos lugares de maior produción a nivel mundial de claviceps purpurea, Galicia. Este fungo alucinóxeno, que brota nos cereais, ábrenos as portas dunha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da cultura e a economía de Galicia ao longo do S.XX. Dende os campos de centeo ata as multinacionais farmacéuticas e a CIA; dende as pragas medievais, pasando pola medicina popular, ata o LSD. Historias esparexidas que nos deixan un gusto amargo a pan de centeo, historias que repercuten traspasados os océanos. Unha corteza que garda unha miga delirante.

O filme estará presentado polas súas directoras Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva o vindeiro 24 de setembro, venres, ás 20 horas. As entradas xa están á venda.

 

En palabras das directoras...

Este filme ten, antes da escritura do guión, un longo proceso de investigación e documentación. Podemos incluír este filme dentro do denominado cinema etnográfico, pois aborda un tema que nos conecta coa sociedade rural galega de mediados do S.XX, aproximándose tamén a multitude de áreas de coñecemento: antropoloxía, medicina, botánica, historia contemporánea, economía… e poñendo o foco en temáticas universais como a morte, a enfermidade, a vida, a subsistencia ou a dor.

O "cornezuelo" do centeo, os seus usos, a súa recolección, a súa venda, o contrabando que do mesmo se facía, o seu simbolismo... fai que podamos estar a falar dun feito social total (Mauss, 1971) porque deste fungo se desprenden non só actos individuais e experienciais, como rexistra o filme, senón que tamén nos permite entender as claves do mundo no plano relixioso, histórico, económico e social.

As intervencións a través de radios e televisións que se van sucedendo no filme trasládannos a noticias pasadas e acontecementos noutros lugares do mundo.