Europa Cinemas premia a Ramiro Ledo como emprendedor do ano 2020

O director e programador de DUPLEX Cinema recibe este galardón por reabrir a última sala que quedaba en Ferrol, cunha aposta renovada polo cinema independente e en versión orixinal, que desde Europa Cinemas valoran especialmente. Os responsábeis da institución comunitaria recoñecen a traxectoria previa de Ramiro e recordan que en 2015 foi o primeiro en Galicia en programar este tipo de contidos desde o seu anterior posto de director e programador do cinema NUMAX (Compostela).

Se hai pouco vos comunicabamos que DUPLEX Cinema, canda a Codex Cinema (Lugo), pasou recentemente a integrarse en Europa Cinemas, unha rede promovida pola Unión Europea para recoñecer o labor das salas que apostan fortemente polo cinema europeo, hoxe temos o pracer de vos informar de que, ademais de estar xa integrados na rede, os responsábeis da mesma decidiron premiar a Ramiro Ledo, o noso director e programador, co premio "Entrepreneur of the Year 2020", que recoñece o labor do proxecto de emprendemento na exhibición máis destacado do ano en Europa.

No contexto español, este premio ten unha especial relevancia, ao ser a primeira vez que se recoñece un exhibidor español sen presenza en Madrid ou Barcelona. Nos 17 anos de existencia do "Entrepreneur of the Year Award", os outros dous exhibidores españois que recibiron este galardón foron Josetxo Moreno, de Golem (2013) e Enrique González Macho, de Cines Renoir (2006), dous dos proxectos de exhibición independentes de referencia e máis importantes a nivel estatal.

Cada ano, a institución europea recoñece a tres profesionais nas categorías de programación, accións para o público novo e emprendemento. Desta volta, Elise Jalladeau, das salas Olympion e Warehouse en Tesalónica (Grecia), recibe o premio ao mellor programa. En Malmö (Suecia), o cinema Panora, con Per Larsson na dirección, é recoñecido polas súas actividades de educación en cinema para os máis cativos. Por último, DUPLEX Cinema, con Ramiro Ledo á fronte, leva o galardón ao proxecto emprendedor deste 2020.

O xurado valora especialmente a valentía de abrir un cinema destas características nunha cidade pequena como Ferrol, máis nos tempos que corren, citando en especial a situación de pandemia que está a impactar a todos os cinemas europeos. Tamén ven como moi positivo que contemos cunha programación diversa, que aposta claramente polo cinema independente e en versión orixinal. Indican que grazas a unha xestión dinámica, a sala é competitiva e que logrou dobrar os espectadores que se viñan facendo anteriormente.

Desde Europa Cinemas poñen en valor a experiencia previa de Ramiro, vendo en NUMAX, de Compostela, o xermolo deste recoñecemento en 2020. Recordan que NUMAX é unha cooperativa multidisciplinar moi activa e que, baixo a dirección de Ramiro no cinema, foi a primeira sala en Galicia que empezou a programar en versión orixinal de xeito regular en 2015.

Desde DUPLEX Cinema, agradecemos moito este recoñecemento, que nos dá moitos folgos para continuar nestes tempos complicados coa nosa aposta editorial. Estamos contentos de que desde Europa recoñezan o labor da nosa sala, mais tamén que estean ao tanto doutras iniciativas como NUMAX ou Codex Cinema, que poñen a Galicia no mapa como unha rexión en Europa que está a apostar pola diversidade do cinema comunitario de xeito dinámico e moderno.

___

FOTO: Alicia Seoane